Pola fin da violencia
"Se matamos por ideais políticos, cecais convirtamos en mártires a aqueles que non o merecen."
Isto vén a conto da presunta fin da violencia no caso que nos toca máis de preto. Históricamente houbo revolucións do pobo que foron necesarias para impoñe-la liberdade, a soberanía popular, é dicir, a vontade do pobo. Podemos lembrar certos casos nos que foi inevitable o uso das armas, casos extremos e difíciles. Pero nestes intres, como seres libres que somos, coas mentes libres que temos, alomenos na medida que nos deixan, debemos esgotar sempre a nosa capacidade para resolve-los problemas de xeito pacífico e dialogado. Especialmente cando esa "loita" armada fai máis forte ao rival.
En todos os aspectos da vida nos iría moito mellor esgotando a vía da palabra. Tamén nos casos nos que son os propios políticos, presuntos artistas desta, os primeiros que prescinden das vías pacíficas, aínda que coma sempre, os intereses están por encima de toda dignidade humana.
