Por que non á negociación?
Nos últimos tempos estamos fartos de ver na escena política numerosas declaracións con respecto á posible fin da violencia de ETA. Unhas alimentan a ilusión pola fin da violencia, que segundo din, está preto. Outras, as dos artífices de opoñerse a todo o que promova a esquerda, consideran agora que é un ataque á dignidade e á memoria das vítimas. Analizaremos ambalasdúas.
Empezaremos polas últimas. A dereita española, persoalizada no PP, desbotou calquera vía de diálogo hai tempo, facéndose extrema, seguidora da estratexia dun famoso triunvirato. No partido, herdanza do franquismo adaptada á democracia, houbo ata hai pouco voces sensatas e moderadas, con opinións abertas e vontade de levar adiante iniciativas en prol dos cidadáns. O caso de Fraga, promovendo a reforma do Senado, ou a representación das autonomías na UE, o caso dos militantes homosexuais do PP apoiando a lei dos matrimonios para todos, dalgunha ex-ministra opositora do fundamentalismo relixioso do seu partido, ou do mesmo Piqué, que tras recoñecer que o acordo do Estatut era bo para España e Catalunya, tivo que axeonllarse ante a dirección de Madrid. Resulta curioso que exerzan oposición en política anti-terrorista e aproveiten para erixirse en abanderados das causas das vítimas de ETA, politizándoas de xeito noxento. E non deixa de resultar curioso cando foron eles mesmos, os que hai algo máis dun lustro, se sentaron cos dirixentes da banda para buscar unha solución ao conflito, recoñeceron que ían negociar contrapartidas coa banda, e acercaron a máis dun cento de presos ás cárceres vascas coma simple xesto de vontade política. Ó que agora chaman "ETA-Batasuna", neses intres chámabao Aznar "Movemento Vasco de Liberación Nacional", se cadra coa intención de non ferir sensibilidades ao tempo que se lle chiscaba un ollo á banda. Curioso.
Por outra banda, están as declaracións do PSOE, máis concretamente as do presidente do goberno, que non dubida en amosa-lo seu optimismo por un presunto proceso de paz, ao tempo que argumenta que a banda atópase feble, e que non se sentarán a negociar ata que ésta anuncie o abandono definitivo das armas. Resulta en todo caso contradictorio. É dicir, non se pode tratar de agradar á opinión pública, por moita presión que haxa da dereita opositora, con iso de "non nos sentaremos a negociar ata que haxa un abandono definitivo da violencia". Porque é unha soberana estupidez, que só se entende se nos baseamos na inxenuidade política dos que descoñecen a historia da humanidade. ETA non vai anunciar un abandono definitivo das armas se previamente non se negocian unhas contrapartidas. Se leva tantas décadas facendo uso da vía armada para loitar polas súas ideas non vai deixar de facelo pola promesa dun futuro diálogo. O goberno ten que recoñecer que se van procurar reunións, negociacións, diálogo, para logra-la paz, que é o fin que todos buscamos. E non se pode falar de atentado á dignidade e memoria das vítimas, pois non hai maior dignidade que deixar de incrementa-la lista de vítimas.
Será un proceso longo e pouco doado. Cales son as contrapartidas que se deben negociar? O goberno debería comezar por recoñecer que o País Vasco se atopa nun estado de excepción política, o que non quere dicir que non exista democracia, nin liberdade de expresión. Habería varios puntos a tratar. Un deles, a famosa lei de partidos, que ademáis de ser inconstitucional, atenta contra a liberdade de asociación e representación política. Non se poden ilegalizar partidos políticos polo simple feito de ter afinidade coas ideas dunha organización armada. Os cidadáns teñen o dereito de ser representados por aqueles aos quen votan, e se se demostra o desvío de fondos para a financiación de ETA deberían inhabilitarse aos responsables ou ben suspender as subvencións, pero xamáis ilegaliza-lo partido. Porque ademáis de ir contra o diálogo pola paz, non funciona.
Despois está a famosa lei anti-terrorista. Aquela que di que o que mata a outro por ideoloxía política é máis delincuente que o que asesina por cartos, por motivos persoais, etc, ou que a vida da vítima dun atraco vale menos que a dun político. O código penal debería ser igual para todos e cada un dos cidadáns, e non debería haber diferenzas na tramitación das penas, nin no trato aos afectados. E nisto salientar o tema da dispersión dos presos terroristas, que deberían te-lo dereito de estar en cárceres vascas, alomenos despois da mentada negociación.
Tamén debe implicarse no proceso o poder xudicial, que en materia de terrorismo está politizado, o cal é xustificable, pero non tería que ser así. Refírome ao peche de medios de comunicación vascos, aos requerimentos a diversos persoeiros do entorno de ETA, á prolongación das penas imputando novos delitos para evita-la saída de presos terroristas do cárcere... A xustiza baséase no principio de que para demostra-la culpabilidade dun individuo deben existir probas, non é suficiente con indicios(isto resulta similar ao caso do futbolista Giovanella, imputado por indicios).
Finalmente, o eixo principal da negociación basearase na soberanía. En contra do que di a Constitución Española, a soberanía reside no pobo(nin español, nin vasco, nin sueco, no pobo a secas). Isto é algo recoñecido nos principios de Nacións Unidas(ONU), que recolle como dereito fundamental o da autodeterminación. Probablemente sexa a contrapartida máis complexa e a que pode ferir máis sensibilidades. Pero tamén é a garante do futuro dos cidadáns vascos, de que están onde queren e como desexan, sen ser submisos de ningún poder preestablecido.
Se temos fe no que facemos, o proceso ten vistos de sair adiante. Porque a vontade de ETA xa ten que se-la fin da loita armada, terán que aceptar a determinación dun pobo que lle esixe paz. E por sorte cada vez son máis os que apostan por ela.
